Visita dos Reis Magos a Vilalba, casco urbano e parroquias

OS REIS MAGOS VISITARÁN MAÑÁ TODAS AS PARROQUIAS E O CASCO URBANO DE VILALBA PARA SAUDAR AOS NENOS E NENAS GARDANDO A DISTANCIA DE SEGURIDADE

Vilalba, 4 de xaneiro de 2021. O Concello de Vilalba informa que os Reis Magos visitarán maña, 5 de xaneiro, once parroquias e o casco urbano de Vilalba.
 
Neste Nadal tan distinto, o goberno local de Vilalba programou os eventos destas datas adaptándose á situación sanitaria. Así, por primeira vez, os Reis Magos visitarán as parroquias do municipio, co obxectivo de que todos os cativos e cativas poidan saudar ás súas Maxestades. 
 
As súas maxestades iniciarán o percorrido polas parroquias ás 12:00 horas, con 11 paradas en total. Concretamente, visitarán as Casas Escola das seguintes parroquias: Árbol, Torre e San Simón ás 12:00; Román, Tardade e Lanzós ás 15:00; Goiriz, Santaballa e Nete ás 16:30; e Samarugo, Oleiros ás 18:00 horas.
 
Doutra banda, tras esta xornada de visita ás parroquias, as rúas do casco urbano de Vilalba recibirán aos Reis Magos a partir das 18:00 horas. Sairán dos Freires e percorrerán a meirande parte das rúas da vila, indicadas no cartel do evento.  
 
Dende o Concello de Vilalba recórdase que non haberá recepción por parte dos Reis Magos nin entrega de agasallos, dado o contexto sanitario actual. Porén, os nenos e nenas de Vilalba poderán saudar ás súas maxestades na súa visita ao casco urbano e ao rural, sempre dende a súa casa ou portal, e de non ser posible, achegándose ao punto máis próximo. 
 
A planificación da visita dos Reis Magos a Vilalba ten como obxectivo evitar as aglomeracións polo que, dende o goberno local, pídese á veciñanza o cumprimento das normas de distanciamento interpersoal, para que os cativos e cativas poidan gozar desta celebración.
 
Por último, faise fincapé de novo en que os Reis Magos tan só saudarán no seu paseo, xa que o contexto sanitario impide a celebración dunha recepción ou dunha entrega de agasallos. 

OS REIS MAGOS VISITARÁN MAÑÁ TODAS AS PARROQUIAS E O CASCO URBANO DE VILALBA PARA SAUDAR AOS NENOS E NENAS GARDANDO A DISTANCIA DE SEGURIDADE