VILALBA RECIBE ESTE SÁBADO UN ESPECTÁCULO TEATRAL DE LUZ E SON GRATUÍTO DIRIXIDO Á INFANCIA

O Concello de Vilalba informa da representación do espectáculo familiar “Mímesis”, cunha función gratuíta este sábado 8 de outubro. A actuación, de entrada gratuíta ata completar aforo, será ás 18.00 no Auditorio Carmen Estévez.

A representación enmárcase no programa “Camino Escena Norte”, que escolleu Vilalba como un dos municipios do norte de España que acollerá os seus espectáculos.

A representación, a cargo da compañía Zigzag Danza, busca ser habitada e compartida tanto polos intérpretes como polas familias participantes. A produción, dirixida á primeira infancia, propón dende a honestidade e o respecto, preservar a capacidade de desenvolvemento creativo da infancia.

A compañía é unha referencia en espectáculos para a primeira infancia, explorando o movemento e a teatralidade. Nas súas funcións, a luz, o son e o espazo escénico comparten protagonismo coa linguaxe do corpo.