VILALBA PRESENTA A PROGRAMACIÓN INFANTIL E XUVENIL DE NADAL, CON PISTA DE XEO, FESTAS, TEATRO E ACTIVIDADES DE REALIDADE VIRTUAL

O Concello de Vilalba presentou hoxe a programación infantil e xuvenil do Nadal, cunha oferta variada que comeza esta semana e rematará o 7 de xaneiro.

A alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, e a concelleira de Infancia e Xuventude, Paula Vigo, presentaron a programación na Casa da Cultura. “Unha proposta variada, con sorpresas e novidades con respecto a outros anos, que inclúe tamén un campamento de Nadal de balde para favorecer a conciliación”, explicou Rouco.

Este xoves entregaranse os premios do concurso de postais “e o concello organizou varios obradoiros e actividades didácticas arredor da Feira do Capón, que será o 21 de decembro”, apunta Paula Vigo, concelleira de Educación, Infancia e Xuventude.

Desde o 23 de decembro estará operativa a pista de xeo, Papá Noel visitará a praza da Constitución o 24 de decembro e a programación inclúe a obra de teatro Blancanieves de la Chana (26 de decembro) e a proxección de dúas películas.

Haberá tamén espazo para o deporte coa Carreira San Silvestre do 31 de decembro, e dúas actividades con láser TAG e realidade virtual os días 27 e 29 de decembro.

Os días 28 de decembro e 2 de xaneiro haberá festa infantil e o 5 de xaneiro os Reis Magos chegarán a Vilalba, visitando as parroquias antes da tradicional cabalgata.