O Concello de Vilalba celebra este ano un novo evento dentro da programación das Festas de San Ramón e Santa María, ‘Irmandade. I Encontro Interxeracional Vilalbés’.
‘Irmandade’ nace coa vontade de ofrecer un espazo de encontro e convivencia entre os veciños e veciñas de diferentes xeracións de Vilalba. Unha xuntanza na que todas as persoas poderán reencontrarse con antigas amizades, coñecidos e compañeiras de diferentes etapas vitais e doutras idades, intereses e experiencias.
A xornada, no Campo da Feira de Vilalba, comezará coa actuación de Los Rastreadores (Ortiga e Grande Amore), que dará paso a unha comida na que o polbo e o churrasco serán os protagonistas. Terá un prezo de 29 euros e as reservas deben facerse nas cafeterías Pafe, Estudiante, O Porrás, e Centro. Haberá menú infantil para menores de 12 anos.
Desde as 18:00 horas continuarán as actuacións coa Minibanda de Vilalba, un proxecto conxunto da Banda de Música, o Conservatorio e a Escola de Música de Vilalba (Esmuvi). Actualmente está formada por arredor de 25 persoas de todas as idades e farán o seu debut na ‘Irmandade’.
Posteriormente, chegará a quenda de Mekanika Rolling Band, e xa pola noite DJ Male e DJ Litainer.
Os menores deberán entregar cuberta polo pai/nai/titor legal unha autorización no momento do acceso ao recinto, que se poderá atopar na páxina web vilalba.gal, e as nenas e nenos menores de 12 anos deberán estar sempre acompañados por unha persoa adulta.