VILALBA CELEBRA O ORGULLO LGTBI O VENRES 1 DE XULLO CON MÚSICA, TEATRO E UNHA CAMPAÑA DE CONCIENCIACIÓN

O Concello de Vilalba celebrará o próximo venres 1 de xullo o Orgullo LGTBI, cunha programación na praza da Constitución para concienciar sobre a importancia de respectar a diversidade nun ambiente festivo.

Baixo o lema ‘Vilalba con orgullo. Iguais na diversidade’, a xornada comezará ás 19:00 horas cunha campaña na rúa para concienciar sobre a diversidade, a igualdade de trato e os dereitos, visibilizando distintas realidades moi sinaladas en entornos rurais e con gran discriminación.

“Apoiamos o orgullo de ser, de elixir e vivir a nosa vida sen estar condicionados pola familia, as amizades ou a sociedade en xeral; o coñecemento e a concienciación fainos máis libres e menos prisioneiros de prexuízos anacrónicos”, afirma Vanesa Siso, concelleira de Igualdade de Vilalba.

O concello agradece a colaboración da Escola de Teatro, que interpretará unha peza titulada ‘Nun mundo ideal’, así como do Dúo Estrellas, dous irmáns vilalbeses moi comprometidos co colectivo LGTBI.

A xornada rematará coa Festa da Cor e a actuación de Marta Fierro, máis coñecida como Eme DJ, unhas das DJ cunha traxectoria máis recoñecida de toda España. É ademais unha persoa moi activa na loita polos dereitos LGTBI.