A praza da Constitución de Vilalba acollerá este fin de semana, días 9 e 10 de abril, unha nova edición da Feira de Oportunidades do comercio local, organizada pola Asociación de Empresarios Sete Pontes coa colaboración do Concello de Vilalba.
A alcaldesa de Vilalba, Elba Veleiro, e a responsable de Comercio da Asociación de Empresarios Sete Pontes, Antía Naveiras, presentaron onte pola tarde a feira.
O horario será de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 20.00 horas e os visitantes poderán atopar na mesma importantes descontos nos productos dos comercios participantes.
Haberá tamén obradoiros para nenos e nenas, o sábado de 16:00 a 20:00 e o domingo de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas, dirixidos por Minerva Educación.
“Unha moi boa iniciativa da asociación de empresarios Sete Pontes coa que o concello colabora, polo que animamos a todos os veciños e veciñas de Vilalba a que visiten a feira”, asegurou Elba Veleiro.
“Despois de dous anos moi complicados pola pandemia, é unha satisfacción recuperar este tipo eventos de apoio ao comercio local e de proximidade”, engadiu.
Nesta feira das oportunidades estarán presentes Acheite; As Nubes Moda; Carapuchiña Vermella; Cárber Moda; Lanas y Corsetería Pingüin; Luis Castro; Maymar; Mobelrías; Novalux Óptica; O Gato con Botas, Peluquería Celia; Retoños; Texas; Minerva, e Zokos.