É a primeira vez que comezan tan pronto as tarefas de desbroce en Vilalba.
O Concello de Vilalba realizará os traballos anuais de desbroce e limpeza na súa extensa rede viaria municipal en dúas fases.
En concreto, durante os primeiros días de xullo comezará a primeira fase de desbroce nas principais vías municipais das parroquias. As tarefas consistirán nun desbroce mecanizado, continuando coa política de non utilizar ningún tipo de sulfatos químicos.
Ademais destas actuacións, tamén no mes de xullo realizaranse outros traballos de desbroce en puntos de especial interese das parroquias.
Xa en agosto iniciarase unha segunda fase para o desbroce en profundidade de todas as vías da rede municipal, comezando polas zonas de maior interese forestal, uns traballos que durarán varios meses e que se complementan coa limpeza que realizarán as brigadas forestais en camiños e zonas de especial risco.
“Quixemos adiantar os traballos de desbroce e facelos en dúas fases, unha de limpeza das principais vías municipais de comunicación xa a principios deste mes de xullo, e outra fase, que comezará en agosto, da totalidade de vías municipais, continuando coa política de non utilizar productos químicos que tanto dano teñen causado ao medio ambiente”, indica Rodrigo Pavón, concelleiro delegado de Servizos de Vilalba.
“É a primeira vez que comezan tan pronto as tarefas de desbroce en Vilalba, xa a principios de xullo, e ademáis impulsaremos a limpeza de zonas de especial interese no rural coa nova maquinaria municipal, recentemente adquirida polo concello”, engade Pavón.