TECENDO REDES 2021

O CONCELLO DE VILALBA PRESENTA 'TECENDO REDES 2021' CON MANDALAS DE GANCHILLO FEITAS A MAN POR UN CENTENAR DE MULLERES

O Concello de Vilalba presentou esta tarde a iniciativa “Tecendo Redes 2021”. Grazas a este proxecto que contou coa participación de un centenar de mulleres, un toldo feito a ganchillo decora actualmente a Praza Suso Gayoso, baixando a rúa García Mato, no casco urbano do municipio.

Este proxecto está promovido polo Concello de Vilalba e as súas protagonistas son varias mulleres de diferentes puntos do municipio e incluso doutras localidades galegas. Hoxe, acudiron á presentación a alcaldesa de Vilalba, Elba Veleiro, e as concelleiras e concelleiros do grupo de goberno, acompañando ás mulleres que participaron .

A iniciativa comezou coa proposta a distintas asociacións de Vilalba, como as de Insua, Nete, Santaballa ou a Asociación Amizade. A idea foi chegando a todos os rincóns do municipio, polo que moitas mulleres de Vilalba comezaron a sumarse. As participantes pertencen ao casco urbano de Vilalba e tamén ás parroquias, entre elas Santaballa, Goiriz, Nete, Insua ou Noche. O ganchillo atraeu mesmo a participantes doutros puntos da provincia, como Abadín, Gontán, Saavedra, Duarría, O Pino ou Trobo.

O Concello de Vilalba aportou o material, fío e aros, para tecer a decoración situada agora no centro da vila, no inicio das Festas Patronais de San Ramón e Santa María. “Tecendo Redes” foi o nome escollido para o proxecto que terá continuidade de cara a anos vindeiros, en alusión ao ganchillo, á unidade das mulleres e á súa imparable forza.

Dende o Concello de Vilalba, agradécese o esforzo de todas estas mulleres na iniciativa, así como a implicación e a boa acollida do proxecto por parte da cidadanía de Vilalba.