REMATE DA LIMPEZA DO PASEO E A PRAIA FLUVIAL DA MADALENA, COA RETIRADA DE MÁIS DE 200 ÁRBORES CAÍDAS

O Concello de Vilalba informa aos seus veciños e veciñas do remate da segunda fase das tarefas de limpeza e acondicionamento da zona do paseo e a Praia fluvial da Madalena.

“Co obxectivo de ter a zona lista para a tempada de verán, procedeuse á retirada de máis de 200 árbores caídas e en mal estado, limpando ademais a zona de baño e os espazos da zona recreativa da Madalena”, explica Rodrigo Pavon, tenente de alcalde e concelleiro de Servizos e Espazos Cidadáns de Vilalba.

A retirada das ábores realizouna, a petición do Concello de Vilalba, a Confederación hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), á que o grupo de goberno local agradece “a súa receptividade e colaboración”.

O paseo e a praia fluvial contan cunha afluencia de público considerable no verán. En dito entorno ubicanse así mesmo instalacións deportivas, zonas verdes con árbores e unha cafetería, formando todo o conxunto unha zona de ocio para a comarca.

En todo o percorrido do paseo fluvial había numerosas árbores secas e algunhas tiradas no río, sendo fundamentalmente da especie amieiro debido á enfermidade que os asola nestes últimos tempos, provocada polo fungo Phytopthora Alni, que causa a súa morte.

O concello falou entón coa CHMS para proceder á limpeza polo risco dalgunhas árbores de caer en calquera momento, ben a árbore enteira ou as ramas, provocando posibles accidentes a viandantes, dado que esta zona é moi utilizada para sendeirismo.

Por outra parte, o Concello de Vilalba ten listo e presentado un proxecto para a rehabilitación do paseo que está a espera de ser aprobado para contar co financiamento necesario.