O INSTITUTO DE ESTUDOS CHAIREGOS, O CONCELLO DE VILALBA E EDICIÓNS XERAIS DE GALICIA CONVOCAN O VII PREMIO AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ DE NARRATIVA INFANTIL E XUVENIL POLA IGUALDADE

O Instituto de Estudos Chairegos – Iesch -, o Concello de Vilalba e Edicións Xerais de Galicia convocan o VII Premio Agustín Fernández Paz de narrativa infantil e xuvenil pola igualdade.

O certame acolle narracións inéditas en lingua galega, dirixidas ao público infantil e xuvenil, cunha temática vencellada ao compromiso pola igualdade de xénero, raza, nacionalidade…

O prazo de recepción das obras xa está aberto e prolongarase até o día 12 de xullo, séptimo cabodano de Agustín Fernández Paz.

As BASES do VII Premio Agustín Fernández Paz son as seguintes:

Primeira.

Poderán participar todas as persoas de calquera nacionalidade e idade que presenten narracións inéditas en lingua galega, dirixidas ao público infantil e xuvenil, cunha temática vencellada ao compromiso pola igualdade de xénero, raza, nacionalidade…

Segunda.

Establécese un premio único e indivisible, dotado con 3.000 euros.

Esta cantidade está suxeita ás retencións legais que lle sexan aplicables segundo a lexislación vixente.

Terceira.

A obra premiada será publicada por Edicións Xerais de Galicia, que se reserva os dereitos de edición da obra premiada nos 1.500 primeiros exemplares. Entregaránselle ao/á gañador/a 30 exemplares.

Cuarta.

A obra terá unha extensión libre e presentarase encadernada, por cuadriplicado, en papel impreso polas dúas caras, tamaño DIN A4.

Presentarase baixo o sistema de plica, polo que se enviará cun sobre á parte; no exterior do sobre figurará só o lema e no interior incluirase o título da obra, o lema, unha copia do NIF do/a autor/a, o enderezo, teléfono de contacto e correo electrónico.

Quinta.

O prazo de presentación de orixinais comezará o 23 de abril de 2023, Día Internacional do Libro, e prolongarase até o día 12 de xullo de 2023, séptimo cabodano de Agustín Fernández Paz.

Sexta.

O xurado estará formado por tres persoas de recoñecido prestixio cultural. Emitirá o ditame, que será inapelable, na última semana do mes de outubro de 2023.

O xurado poderá declarar o premio deserto.

Sétima.

A entrega do premio terá lugar nun acto do que se dará conta oportunamente.

Oitava.

Os orixinais remitiranse a:

VII Premio AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ de narrativa infantil e xuvenil pola igualdade

INSTITUTO DE ESTUDOS CHAIREGOS

Praza de Suso Gayoso, 1 (Casa da Cultura)

Apartado de Correos , nº 39

27800  Vilalba (Lugo)

Novena.

Os orixinais non premiados poderán recollelos os/as respectivos/as autores/as no local do Instituto de Estudos Chairegos (Casa da Cultura de Vilalba) durante un período máximo dun mes despois do ditame do premio. Os que non se recollan nese prazo serán destruídos.

Décima.

A participación nesta convocatoria supón a total aceptación destas bases.