O equipo de goberno manterá todos os contratos esenciais con empresas que prestan servizos, mantendo as prestacións mutuas entre as concesionarias e o Concello a pesar da situación actual de crise sanitaria
O Concello asumirá o pago dos salarios do persoal a aquelas empresas que se vexan obrigadas a suspender a súa actividade
Vilalba, 28 de marzo de 2020
O goberno municipal de Vilalba comprométese a tratar de manter todos os contratos en vigor coas distintas empresas adxudicatarias que prestan servizos ao Concello co fin de evitar que se vexan obrigadas a recorrer a un ERTE debido á suspensión da súa actividade por mor da crise sanitaria. Deste xeito, o executivo local garante tamén que, no caso daqueles contratos que non se podan manter, o Concello aboará ás empresas o 100% dos custes salariais de traballadores e traballadoras se evitan a presentación dun expediente de regulación temporal de emprego.
O real decreto de medidas urxentes 8/2020 recolle a intención de que o sector público manteña os contratos con ditas empresas e estas, á súa vez, manteñan á plantilla. No caso dos contratos esenciais, como o de urbaser, SAF ou conserxería e limpeza de centros educativos, manteranse as prestacións, reasignando as horas a servizos como o de desinfección das rúas, por citar un exemplo.
No caso daquelas adxudicatarias que non podan manter as condicións porque é inviable a prestación do servizo, como o caso da Escola Infantil Municipal, “trataremos de que se manteñan os postos de traballo e un nivel mínimo de facturación, dando a posibilidade de que as empresas reclamen eses gastos ao Concello, tal e como indica o real decreto, que pagará o 100% co obxectivo de evitar que presenten un ERTE, porque nós imos cubrir o coste salarial”, subliñou Marta Rouco, concelleira de Réxime Interno e Servizos Sociais. A piscina municipal é outro dos casos nos que é inviable a continuación da actividade, “mais os traballos de mantemento e limpeza manteranse, polo que a empresa nos vai facturar esa parte, e os costes salariais de todo o servizo poderán ser reclamados ao Concello para manter as condicións dos monitores/as e demais persoal”.
Ademais, o goberno está a estudar distintas posibilidades coas empresas para ofrecer as máximas facilidades. Por exemplo, no caso das escolas deportivas, “non só deixaremos de cobrar as taxas, senón que estamos traballando unha fórmula que permita ás persoas usuarias e ao público en xeral que estea interesado a oportunidade de recibir clases vía streaming, mantendo o contrato coa prestación online”.