O CONCELLO TRABALLA NA REXENERACIÓN DUN VIAL NO BARRIO DO CAMPO DO CRISTO NA PARROQUIA DE GOIRIZ

As actuacións completaranse, segundo confirmou a alcaldesa, Marta Rouco, ao longo desta semana para logo desprazar a maquinaria a un novo vial do municipio

O Concello vén de informar dos traballos que actualmente está levando a cabo o parque móbil da Deputación de Lugo para rexenerar o firme dunha das estradas do barrio do Campo do Cristo, na parroquia de Goiriz.

En concreto, trátase dun vial polo que transcorre o Camiño de Santiago e que conta cunha lonxitude de 310 metros. Para proceder á súa rexeneración foi necesaria a aplicación de catro capas de rego e catro tipos de áridos de diferentes grosores.

“Estamos a falar dun vial que acumulaba décadas sen unha rexeneración completa e no que só se tiñan realizado actuacións de bacheo, polo que é moi salientable esta reacondicionamento total do firme da estrada, cuxo estado de deterioro era notable”, sinalou a alcaldesa, Marta Rouco.

Pola súa banda, a rexedora, Marta Rouco, tamén confirmou que “a previsión é que os traballos se rematen ao longo desta semana, de tal forma que os 310 metros de firme queden totalmente rexenerados e en condicións óptimas tanto para os vehículos como para os peregrinos que cada día pasan por esta pista”.