O Concello suprime o pago de primeiras matrículas no Conservatorio de Música e fai unha rebaixa do 40% nos seguintes cursos

O goberno local procede á modificación da ordenanza fiscal que regula a taxa pola prestación do servicio do Conservatorio Municipal despois de ser aprobada a proposta por unanimidade de toda a Corporación
“Esta medida pretende incentivar a matrícula e manter ao alumnado nun contexto de crise económica evidente para as familias de Vilalba”
 
Vilalba, 17 de xuño de 2020
O Concello de Vilalba vén de aprobar a modificación da ordenanza fiscal número 36, reguladora da taxa por prestación do servizo do Conservatorio Profesional de Música co obxectivo de fomentar o inicio da formación musical e manter ao alumnado inscrito cunha axuda ás familias nesta crise económica derivada da pandemia da COVID-19. En concreto, procederase á supresión da taxa por matriculación ás primeiras matrículas do alumnado presencial de Vilalba, que corresponde con 1º de Grao Elemental, e tamén á redución dun 40% nas taxas vixentes de matriculación dos demais cursos dos Graos Elemental e Profesional ao alumnado das mesmas características.
Segundo afirmou en sesión plenaria a edil de Cultura, Vanesa Siso, “a incertidume sobre como será a volta ás aulas é evidente, pero máis aínda naquelas formacións non obrigatorias”, polo que entenden desde o goberno socialista que “debemos fomentar e garantir esta aprendizaxe no eido musical, axudar ás familias para a continuación dos estudos musicais neste contexto de crise económica e incentivar que novas alumnas e alumnos de Vilalba se decidan a comezar os seus estudos no Conservatorio, sendo o primeiro ano gratuíta a súa matrícula”, subliñou.
A proposta presentada en pleno e aprobada pola unanimidade da Corporación foi analizada mediante un estudo económico para valorar a viabilidade da súa posta en marcha, “cuestión que asumimos nunha aposta decidida polo fomento da formación musical”, concluíu.
A partir de hoxe e ata o día 30 de xuño poderán achegarse ás instalacións en horario de 16 a 20 horas para facer a reserva de praza de cara ao curso 2020/2021. En setembro, coa entrada en vigor destas medidas aprobadas hoxe, realizarase o pago das matrículas.
 
Deixamos a proposta aprobada
PROPOSTA MODIF OF 36 TAXA CONSERVATORIO