O CONCELLO SOLUCIONA MÁIS DE 3.200 INCIDENCIAS COMUNICADAS POLOS VECIÑOS E VECIÑAS A TRAVÉS DO SERVIZO ‘LIÑA VERDE’

O Concello de Vilalba solucionou máis de 3.200 incidencias comunicadas polos veciños e veciñas a través do servizo ‘Liña Verde’, posto en marcha no ano 2020.

Grazas á implantación deste servizo, os veciños dispoñen dunha canle directa de comunicación co concello para informar sobre as incidencias e os danos localizados no municipio.

O tipo de incidencias que máis se comunicaron son aquelas que fan referencia ao alumeado público (19%); seguido de problemas en beirarrúas e estradas (13%); recollida de lixo (6%); control das velutinas (4%); rede de sumidoiros/augas (3%); parques e xardíns (3%), sinalización e semáforos (3%), e limpeza (3%).

“Agradecemos a participación dos veciños e veciñas, aos que animamos a usar o servizo, que axiliza a resposta por parte do concello”, afirma a alcaldesa, Marta Rouco.

Para poder utilizar este servizo é necesario proceder á descarga da APP Liña Verde. Para iso, o usuario accede a Google Play ou APP Store en función da tecnoloxía empregada na súa Smartphone (Android/iOS). Unha vez localizada, leva a cabo a descarga de forma gratuíta.

A partir dese momento, o usuario selecciona o municipio sobre o que quere comunicar a incidencia. O procedemento é moi rápido e sinxelo. Para comunicar unha incidencia, basta con picar sobre o botón ‘Nova Incidencia’ e un despregable coas diferentes tipoloxías de incidencias aparece en pantalla.

O usuario selecciona aquela sobre a que quere comunicar. De forma automática, a APP detecta as coordenadas exactas nas que se sitúa o dano e o seguinte paso é achegar unha foto da incidencia e observación sobre a mesma. Xa só queda dar ao botón de enviar.

Unha vez enviada, persoal do concello recibe notificación do dano comunicado. A partir deste intre, inícianse os trámites para dar solución á incidencia detectada. O cidadán, á súa vez, recibe notificación no seu teléfono móbil sempre que se produza un cambio no estado da mesma.

A través de Liña Verde, o usuario tamén pode expor calquera consulta ambiental. Basta con seleccionar a opción de “Fai a túa consulta”. Nun prazo máximo de 24 horas terá resposta por parte dun equipo de expertos na materia de forma completamente gratuíta.

Ao servizo Liña Verde tamén se pode acceder a través do domino www.lineaverdevilalba.gal. Ademais de comunicar unha incidencia ou expor unha consulta, o usuario dispón dun amplo contido de consulta ambiental (guía de boas prácticas, consellos, información propia do municipio, etc…).

Liña Verde tamén ofrece os seus servizos a través de contacto telefónico no número 902 193 768 en horario de 08.00 horas a 17.00 horas.