O proxecto conta cun orzamento de licitación de 73.500 euros con cargo a fondos propios e as empresas poderán presentar as súas ofertas ata o 2 de setembro
O Concello vén de abrir o prazo de licitación das obras que se levarán a cabo para proceder á renovación completa do pavimento da pista do pavillón do CEIP Manuel Mato Vizoso, localizado na Rúa Cuart de Poblet.
En concreto as actuacións que se levarán a cabo serán, en primeiro lugar, o nivelado do pavimento actual, para posteriormente proceder á instalación dun novo pavimento deportivo para interiores de PVC homologado e finalmente realizar o marcado das liñas da pista de fútbol sala, baloncesto e tenis conforme ás normas federativas en vigor.
“Deste xeito seguiremos permitindo que este pavillón teña un uso multidisciplinar, podendo practicarse nel unha ampla variedade de deportes nas condicións de seguridade e comodidade oportunas para os usuarios e usuarias do mesmo”, explicou a alcaldesa, Marta Rouco.
Unha renovación que conta cun orzamento de licitación de 73.502,73 euros con cargo a fondos propios e para a cal as empresas poderán presentar ofertas ata o vindeiro luns, 2 de setembro, data na que finalizará o proceso de licitación e se estudarán as ofertas presentadas para posteriormente executar as obras na maior brevidade posible.
Pola súa banda, Rouco salientou ademais que na actualidade “o pavimento está moi deteriorado polo intenso uso ao que se ve sometido a diario e o paso do tempo”, ao que se suman outros condicionantes ambientais como as oscilacións térmicas da zona e a existencia de goteiras “que xa foron arranxadas pero que provocaron humidades na superficie”, sinalou a alcaldesa.