O goberno local oferta este ano 566 prazas e o prazo de inscrición comeza este luns, 20 de setembro
O Concello de Vilalba anuncia a apertura da inscrición ás Escolas Deportivas Municipais para o curso 2021-2022. O goberno local cumpre así co seu obxectivo de fomentar os programas deportivos, especialmente en idade escolar.
Ademais, con esta oferta, o Concello de Vilalba impulsa a actividade física, un dos piares de mantemento e mellora da saúde, mais aínda nun tempo de pandemia que implicou unha diminución dos niveis de práctica deportiva.
Deste modo, o Concello de Vilalba retoma este ano as Escolas Deportivas Municipais 2021-2022, que non se levaran a cabo no curso pasado debido á restritiva e cambiante normativa das autoridades deportivas e sanitarias competentes, as cales limitaron durante todo o ano a práctica deportiva non federada, chegando a estar prohibida nalgúns períodos do inverno.
O prazo de inscrición para este novo curso abarca dende este luns, 20 de setembro, ata o 1 de outubro. As inscricións poden realizarse telematicamente a través da APP https://app.sporttia.com/scs/1528/profile ou da Sede Electrónica https://vilalba.sedelectronica.es/info.1
A través da Sede Electrónica do Concello de Vilalba, os usuarios/as deberán ter certificado dixital, DNI electrónico ou outro método de identificación deste tipo. Non obstante, a través da APP “Sporttia”, as inscricións poden realizarse sen ningún destes documentos.
Excepcionalmente, as inscricións poderán realizarse presencialmente no Rexistro do Concello de Vilalba.
En total, ofértanse 566 en 15 modalidades deportivas, como tenis, tenis de mesa, ximnasia rítmica, triatlón, disciplinas rítmicas, baloncesto, fútbol, loita olímpica, pilates, iniciación deportiva, fútbol sala, ioga, patinaxe, judo, baile, entre outras. No cartaz axunto recóllense todas as actividades ofertadas este ano, así como os horarios e os grupos por idade.
As actividades darán comezo previsiblemente o 18 de outubro e finalizarán o 17 de xuño de 2022. En todas as actividades seguiranse os protocolos sanitarios pertinentes en cada momento.
No caso dos menores de idade, as prazas outorgaranse en primeiro lugar en función da antigüedade na escola deportiva municipal e en segundo lugar sortearanse as prazas.