O CONCELLO REALIZOU OBRAS DE MELLORA NOS CENTROS EDUCATIVOS E AMPLÍA A 68 PRAZAS O COMEDOR DA ESCOLA INFANTIL

O Concello de Vilalba informa da normalidade coa que hoxe comezou o curso escolar 2023/24 para o alumnado de Infantil, Primaria, ESO, Bacherelato e Formación Profesional.

Entre as novidades, o concello destaca que ampliou a 68 nenos e nenas o servizo de comedor na Escola de Educación Infantil.

O servizo de comedor, posto en marcha polo goberno local de Vilalba hai dous cursos escolares, aumenta desta forma a súa oferta para atender a todas as familias que o demandaron.

“O servizo de comedor é un servizo público básico, ademais de ser un servizo educativo, complementario, compensatorio e social que constitúe un instrumento imprescindible para contribuír á conciliación da vida laboral, familiar e persoal das familias”, asegura Marta Rouco, concelleira de Servizos Sociais e encargada da escola infantil.

Por outra parte, e aínda que o concello non ten competencias directas en materia de ensino, durante o verán realizáronse diferentes tarefas de mellora e mantemento nos centros educativos da vila: CEIP Ínsua Bermúdez; CEIP Mato Vizoso; CEIP Monseivane; CEIP Terra Chá, e os centros de educación infantil.

“Estamos en contacto continuo coas direccións dos centros para realizar tarefas de xardineiría, fontaneiría, alumeado, carpintería, pintado, ou habilitando novos espazos para mellorar os servizos dos centros”, explica Paula Vigo, concelleira de Educación, Infancia e Xuventude.

“Neste verán, acondicionamos os exteriores de todos centros, limpando e pintando os campos de deporte, ademais doutras actuacións para instalar peches antipánico, ou arranxando portas e persianas”, engade.