O CONCELLO PRESENTA XUNTO A ASOCIACIÓN DE QUEIXEIROS O PROGRAMA DA XXVI FESTA DO QUEIXO SAN SIMÓN DA COSTA CON DEGUSTACIÓNS, ACTUACIÓNS E ACTIVIDADES INFANTÍS

O Concello de Vilalba presentou hoxe en rolda de prensa os detalles do programa da XXVI Festa do Queixo San Simón da Costa, que se celebrará os próximos días 2 e 3 de abril de 2022.

“Retomamos a celebración desta festa, tras dúas edicións limitadas pola pandemia. Unha cita que nos permite enxalzar un dos nosos produtos máis emblemáticos, como é o queixo San Simón”, sinala a concelleira de Feiras e Mercados, Antía Rama.

Na presentación participaron tamén Daniel Pérez, da asociación de queixeiros e presidente da D.O.P. San Simón da Costa; Gelucho Ramil, xerente do consello regulador da D.O.P. San Simón da Costa, e Martín Paz, director da sucursal de Caixa Rural de Vilalba.

A edil tamén recordou que, en relación con esta cita, está aberto o prazo de presentación ao Concurso de Receitas do Queixo San Simón da Costa. A concelleira presentou ademais a revista de receitas con Queixo San Simón, elaborada a partir das preparacións participantes no concurso do ano pasado.

O programa deste ano comezará o sábado 2 de abril ás 9:00, cunha proba de BTT. Ao mediodía, organizarase o showcooking de Xoanqui Ameixeiras na carpa da Praza da Constitución. O cociñeiro elaborará receitas co produto local e ofrecerá unha degustación aos participantes. Nesa mesma xornada, celebrarase na tarde o taller infantil de elaboración de queixos no mesmo lugar. Ambas actividades teñen aforo limitado en función da orde de chegada.

Na tarde do sábado a Banda de Gaitas Mato Vizoso estará a cargo do pasarrúas previo ao pregón. Este ano, o pregoeiro será Francisco Sineiro, profesor de economía agraria na Escola Superior de Enxeñería de Lugo, conselleiro de Agricultura e investigador neste eido. O pregón será ás 19:00 na praza da Constitución.
Esa mesma noite, ás 21:00, celebrarase o concerto de Mercedes Peón no Auditorio Municipal. As entradas estarán dispoñibles na Casa da Cultura ou en https://entradasvilalba.es/

Na mañá do domingo haberá degustación gratuíta de tapas elaboradoras con queixo DOP San Simón da Costa. Ademais, haberá pasarrúas a cargo de Buxos Verdes ás 11:00 e actuación de Festicultores ás 13:00.

“Dende o Concello de Vilalba agradecemos a implicación na organización da Asociación de Queixeiros, así como o apoio do Consello Regulador e de Caixa Rural. Agardamos que a cidadanía goce de novo dunha das datas máis sinaladas do calendario vilalbés”, engadiu a concelleira de Feiras e Mercados.