O CONCELLO PRESENTA O CONCERTO DA CANTANTE IRIA ESTEVEZ

A actuación terá lugar este sábado, 13 de abril, a partir das 20.30 horas na rúa da Pravia, xunto á Alameda

O Concello vén de anunciar unha nova proposta lúdica para esta fin de semana, o concerto da artista Iria Estévez, que se celebrará este sábado, 13 de abril, a partir das 20:30 horas na rúa da Pravia e cuxa organización conta coa colaboración dos establecementos A Pravia e A Esmorga.

Logo dunha exitosa andadura dirixindo proxectos como Clave de Fado ou Arifi e colaborando con moitos outros, unha das cantantes máis valoradas da xeografía galega, Iria Estévez presenta o seu traballo en solitario, Atlántica, no que amosa o seu lado máis íntimo.

Unha nova proposta, coa que Iria Estévez busca transportar aos oíntes a terras próximas e afastadas a través das músicas que navegan o noso mar: o fado, o son, a cantiga galega, músicas de Cabo Verde a Arxentina, que reflicten o eterno navegar, ás veces sereo e suave e outras, enérxico e intenso.

En concreto, a actuación de Iria Estévez terá lugar fronte á Alameda, onde se colocarán asentos para que o público asistente poida acomodarse e gozar da súa voz única. O que obrigará a realizar un corte de tráfico na Rúa da Pravia a partir das 18.00 horas e ata o remate do concerto.

Dende o Concello queren “animar a toda a veciñanza a que se achegue a gozar desta magnífica actuación e da voz de Iria Estévez, unha cantante recoñecida e cunha voz extraordinaria que non deixará indiferente a ninguén”, sinalou a alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco.