O Vicealcalde e responsable de mobilidade Modesto Renda e a concelleira de Cultura Tamara Rodriguez presentaron hoxe a iniciativa “Emprazadas.” Unha “decidida e ambiciosa aposta cultural para o centro histórico”, que nace complementaria do Plan de Posta en Valor da Praza de Santa María.
EN QUE CONSISTE A INICIATIVA?
Tal e como explicaron, trátase dunha acción coordinada entre estas dúas áreas de goberno e na que, ó tempo que a área de Mobilidade segue dando pasos adiante no seu piloto de peonalización progresiva (limitando agora o estacionamento de vehículos nas fins de semana e festivos), a área de Cultura inaugura unha programación específica na praza, que terá na actuación do bluesman internacional Manu Lanvin (sábado 7 ás 20:30h) o primeiro prato forte.
“A nosa idea é limitar o estacionamento nas fins de semana e festivos dende este sábado; pero o paso de vehículos estará por suposto permitido agás das 15h ás 23:59h no día do concerto por motivos de seguridade”, explicou o Vicealcalde.
Para a Concelleira de Cultura, Tamara Rodríguez, a iniciativa parte dunha “total aposta municipal pola zona vella” que pretende recuperar a Praza de Santa María como o “epicentro da vida cultural e social” en beneficio dos veciños/as, así como de comerciantes e hostaleiros do centro histórico”.
MANU LANVIN
Cantante, guitarrista e showman, Manu Lanvin é unha figura imprescindible do blues-rock internacional. Despois de tres primeiros álbumes nos que se centrou principalmente no Rock, foron sen dúbida a súa colaboración co cantante texano Calvin Russell e o posterior lanzamento do álbum “MAUVAIS CASTING” os fitos que o consagraron como un dos mellores do seu xénero.
Concertos en prestixiosos escenarios tanto en Europa como en Estados Unidos (L’Olympia, L’Apollo Theater, o Festival de Jazz de Montreux), unha invitación conxunta de Claude Nobs e Quincy Jones para actuar en Nova York nas galas da Jazz Foundation of America, unha selección para representar a Francia en Memphis no International Blues Challenge (IBC) e finalmente o Cognac Blues Passions Award.
BLUES, BOOZE E ROCK ‘N’ ROLL é sen dúbida o seu álbum de madurez e co que gañará eloxios da prensa musical, e o recoñecemento profesional. O álbum foi seleccionado como “Mellor álbum do ano” por Le Parisien, o seu espectáculo foi seleccionado como unha das mellores actuacións do ano pola revista Rock and Folk e foi nomeado como “Mellor Intérprete Masculino” no Crystal.
Este sábado, e para inaugurar “Emprazadas”, o francés e a súa banda engadiron unha data máis á súa maratoniana xira no Concello de Vilalba, e será cun grande show ao aire libre que dará inicio ás 20:30h.