O CONCELLO PON EN MARCHA UN NOVO CICLO DE ACTIVIDADES DE DINAMIZACIÓN NAS PARROQUIAS DO RURAL

Logo da boa acollida e a satisfacción das asociacións veciñais coas actividades organizadas durante o inverno, o goberno local aposta por una nova edición que se levará a cabo en 21 parroquias de forma totalmente gratuíta e sen necesidade de inscrición previa  

A alcaldesa, Marta Rouco, e a concelleira Paula Vigo presentaron na mañá de hoxe un novo ciclo de actividades de dinamización nas parroquias do rural que comezará a vindeira semana e se estenderá ata finais do mes de xuño..

O goberno local pon en marcha a iniciativa “logo da boa acollida e da satisfacción das asociacións veciñais coas actividades organizadas durante o inverno que financiou a Deputación de Lugo”, explicou a rexedora, Marta Rouco, ao que engadiu que “nesta ocasión a financiación das actividades correrá a cargo das arcas municipais, de tal forma que seguirán sendo totalmente gratuítas para os veciños e veciñas”.

Nesa liña, neste nova edición serán 21 parroquias nas que se impartirá semanalmente algunha das actividades ofertadas: manualidades, ximnasia de mantemento, novas tecnoloxías ou memoria. “Ofrecéuselle a todas as parroquias a posibilidade de ter actividades e nesta ocasión sumáronse 5 máis que na anterior”, apuntou a concelleira Paula Vigo.

En concreto, foron as parroquias de Rioaveso, Torre, Noche, Tardade, Insua, Sancovade, Mourence, San Simón, Belesar, Román, Distriz, Oleiros, Lanzós, Nete, Santaballa, Vilapedre, Codesido, Árbol, Corvelle, Alba e Goiriz as que se acolleron a esta iniciativa.

“Pero non é necesario ser veciño dunha desas parroquias para poder acudir ás actividades, pode facelo, por suposto, calquera veciño ou veciña que o desexe, presentándose na data e hora que corresponda na casa escola da parroquia, sen necesidade de inscribirse previamente”, sinalou a rexedora, Marta Rouco.

Desta forma, o Concello ratifica o seu compromiso co “mantemento dun rural vivo, no que os veciños e veciñas tamén teñan oportunidades para socializar, activar a mente e o corpo e fuxir da situación de soidade ou illamento na que poden verse en determinados casos”, salientou a alcaldesa, Marta Rouco.

Finalmente, dende o goberno local animan “a todos os veciños e veciñas a participar nestas actividades nas que ademais de aprender e manter activo o corpo, os veciños comparten un momento agradable, xurdindo en moitas ocasións propostas para máis xuntanzas e actividades na parroquia”.