O Concello ofrecerá asesoramento legal para axudas ao aluguer e orientación a persoas inmigrantes

O goberno local pon en marcha dous novos servizos, un de asesoramento legal en materia de axudas ao alugueiro e outro para ofrecer información e acompañamento a persoas inmigrantes
O asesoramento será realizado por un avogado que cubrirá ámbolos dous servizos co fin de resolver dúbidas e facilitar os trámites necesarios
 
Vilalba, 2 de xuño de 2020
O goberno de Vilalba amplía a dotación de servizos destinados ás persoas que máis o precisan desenvolvendo dous novos servizos de asesoramento legal. O primeiro deles realizarase co fin de ofrecer información en materia de axudas ao alugueiro a persoas en situación de vulnerabilidade social e/ou económica derivada da pandemia da COVID-19. Neste senso, tamén se porá en marcha un servizo para asesorar a persoas inmigrantes nos trámites que precisen desenvolver.
Froito da situación de emerxencia sanitaria e o conseguinte impacto económico, “sabemos que moitas persoas non poden facer fronte ao pago do alugueiro, polo que un avogado poderá asesorar sobre as medidas e axudas contempladas no Real Decreto 11/2020, de medidas urxentes, dentro do Plan Estatal de Vivenda 2018/2020”, subliñou a concelleira de Servizos Sociais, Marta Rouco. Este servizo asumirase “con fondos propios que saen das arcas municipais, dous días á semana durante os meses de xuño e xullo, pensando nas familias de Vilalba que nun momento tan complicado teñen que atopar nas administracións un apoio para saír adiante”.
Por outra banda, o Concello de Vilalba tivo a oportunidade de solicitar este ano unha subvención para o asesoramento legal a persoas inmigrantes, debido a que “superamos o 5% da poboación inmigrante na nosa localidade, de xeito que poderemos contribuír a resolver calquera cuestión relativa á nacionalidade, trámites de residencia, permisos de traballo, etc.”, salientou Rouco. Diso se encargará un avogado que ofrecerá o servizo un día á semana no Concello ata finais de maio de 2021. “A integración e a convivencia entre culturas é un piar fundamental para o bo funcionamento dunha sociedade, tamén nos municipios como Vilalba, onde a poboación estranxeira vai en aumento e pode supoñer un freo positivo ao declive demográfico dos espazos rurais”.
Desde o primeiro momento desta difícil situación de emerxencia sanitaria, “situámonos ao carón das persoas que nos necesitan, dando cobertura económica a todas as familias que así o solicitaron, achegando alimentos e menciñas aos nosos maiores tanto no casco urbano como nas parroquias, e agora continuamos pensando naquelas familias e persoas máis vulnerables, para que ninguén quede atrás”.