No marco do proxecto Vilalba Orgánica, o goberno local repartirá de balde composteiros domésticos para os asistentes
O Concello mantén activo o seu programa “Vilalba Orgánica” para impulsar a separación dos residuos domésticos e a compostaxe da materia orgánica. Nesa liña, o vindeiro mércores, 18 de decembro, o Concello organiza unha charla informativa sobre boas prácticas de compostaxe na Casa da Cultura ás 19.00 horas.
Os asistentes poderán facerse cun composteiro doméstico, proporcionado polo Concello grazas á colaboración de Sogama, de forma totalmente gratuíta. Ademais, o composteiro acompañarase dun manual de compostaxe para poder lembrar nos fogares as directrices recibidas na charla.
“Non será preciso inscribirse e, por suposto, a charla será totalmente gratuíta”, explicou a alcaldesa, Marta Rouco, quen convidou aos veciños e veciñas a achegarse o vindeiro mércores á Casa da Cultura para informarse sobre a compostaxe doméstica.
“A reciclaxe nos fogares é fundamental para que posteriormente se poida dar un correcto tratamento aos residuos”, sinalou a rexedora, ao tempo que afirmou que “cada tonelada de residuos que enviamos a Sogama ten un custe, moi elevado no caso do colector verde, no que acaban todo tipo de residuos sen ningún proceso de reciclaxe; se comezamos a facer compostaxe dos nosos residuos orgánicos e a empregar os diferentes colectores, entre eles o marrón, ese custe vaise reducindo e o Concello dispón de máis diñeiro para investir noutras cuestións fundamentais para a nosa vila”.
Finalmente, Rouco adiantou que “coa entrada en vigor do novo contrato do lixo os colectores marróns instalaranse en todas as illas de colectores de reciclaxe, polo que todos os fogares poderán depositar a súa materia orgánica de forma sinxela, sen necesidade de desprazarse a outras rúas”.