O Concello de Vilalba instalará un punto lila durante a celebración da Xira Campestre, este sábado 26 de agosto, co obxectivo de realizar un traballo de sensibilización contra a violencia sexual e dar apoio en caso de posibles agresións.
O posto estará atendido por persoal especializado en violencia de xénero e en violencia sexual, concretamente unha psicóloga e unha técnica de igualade. O punto permanecerá aberto na contorna do campo da festa entre as 22.00 e as 4.00 da madrugada.
No punto lila ofrecerase atención ante agresións sexistas, facilitarase asesoramento neste tipo de situacións, ademais de poñerse en marcha unha campaña de concienciación sobre a violencia sexual. Neste sentido, repartirase material como vasos de plástico, pulseiras e demais con lemas para concienciar sobre o respecto e a igualdade.
“O punto lila, alén de ser un apoio ás vítimas de posibles agresións, busca ser un punto de información ao que se pode achegar calquera cidadán”, sinala Marta Rouco, concelleira de Igualdade.
Neste sentido, a edil recorda que no punto lila facilitarase información sobre os recursos municipais en materia de igualdade e contra a violencia de xénero. “Ademais deste punto lila, as mulleres vilalbesas teñen outro tipo de apoios fóra das festas, como o CIM”, engade Rouco.
O Concello de Vilalba recorda ademais que existe a APP “En Rede Vilalba”, ten por obxectivo achegar información de utilidade sobre as violencias machistas á mocidade e adolescencia, especialmente ás mulleres adolescentes vilalbesas (https://www.vilalba.gal/apps/).
A campaña do punto lila está impulsada a través da concellería de Igualdade e o Centro de Información á Muller (CIM), ademais de contar co financiamento dos fondos do Pacto de Estado Contra a Violencia de Xénero.
Na fotografía, unha imaxe de arquivo do punto lila.