O CONCELLO INSTALARÁ UN PUNTO LILA NA XIRA CAMPESTRE DURANTE ESTA FIN DE SEMANA

O posto atenderá a posibles vítimas de agresións sexistas e a calquera persoa que se achegue para recibir información sobre a violencia sexual, quen poderá participar en actividades lúdicas e facerse con merchandising

O Concello instalará esta fin de semana un punto lila na área recreativa da Madalena con motivo da celebración da Xira Campestre.

Unha iniciativa coa que se pretende levar a cabo unha campaña de sensibilización contra a violencia sexual e despregar os medios dispoñibles para dar apoio a posibles vítimas de agresións sexistas.

O posto estará atendido por persoal especializado en violencia de xénero e en violencia sexual e permanecerá aberto na contorna do campo da festa de 23.00 a 3.00 da madrugada o venres e de 22.00 a 4.00 da madrugada na xornada do sábado.

O obxectivo da proposta, impulsada pola concellería de Igualdade e o Centro de Información á Muller, pretende “levar a cabo unha campaña de información e sensibilización contra a violencia sexual, de tal xeito que calquera persoa poida achegarse ao punto lila para participar en actividades lúdicas de carácter informativo”, explicou a alcaldesa e concelleira de Igualdade, Marta Rouco.

Nesa liña, ademais de información tamén se repartirán diferentes tipos de agasallos a todas as persoas que se animen a participar na campaña e se acheguen ao punto lila para recibir información e sumarse á concienciación contra a violencia sexual.

Pola súa banda, o punto lila tamén contará cun espazo seguro ao que poderán acudir aquelas persoas que precisen poñer de manifesto posibles agresións sexistas, de tal forma que os profesionais activen o protocolo establecido para ditas situacións.