A regulación do aparcadoiro terá un horario limitado a noventa minutos e será de balde, ademais o concello informará con antelación da súa data de entrada en vigor
O Concello de Vilalba comeza hoxe o pintado da zona azul en varias rúas do centro urbano, aínda que a medida non entrará en vigor polo momento.
Os traballos de pintado comezarán hoxe desde a rúa Campo de Puente ata o antigo ambulatorio, e continuarán nos próximos días se as condicións meteorolóxicas o permiten na rúa Placido Peña ata a intersección da rúa das Pontes de García Rodríguez, no aparcadoiro subterráneo da praza da Constitución e na rúa Pravia.
Non se realizarán de momento os traballos na rúa Xosé María Chao Ledo, xa que na mesma haberá unha actuación para poñer un novo aglomerado nas próximas semanas.
O Concello de Vilalba anunciou o pasado mes de novembro que ultimaba unha nova ordenanza de mobilidade que inclúe zona azul en determinadas rúas do centro urbano.
O horario será de luns a sábado de 09:00 a 14:00 horas, estando permitido o estacionamento de xeito gratuíto nun período máximo de noventa minutos.
Tamén se regulará o aparcadoiro subterráneo da praza da Constitución de luns a sábados de 09:00 a 19:00 horas, de xeito que os vehículos só poderán estacionar neste lugar o máximo permitido de noventa minutos. Non se implementará esta norma en Vilalba nin os domingos nin os días de feira.
“O obxectivo é dinamizar o estacionamento, que nas rúas máis transitadas non se aparque o vehículo desde a mañá ata a noite, pero deixando un amplo marxe de tempo gratuíto para facer xestións ou compras”, explica Luis Fernández, concelleiro de Infraestruturas do Concello de Vilalba.
Aínda non está fixada a data na que entrará en vigor a zona azul, da que o concello informará aos veciños e veciñas con antelación.