O CONCELLO INAUGURA XUNTO AOS MOZOS E MOZAS DA VILA AS NOVAS INFRAESTRUTURAS DO PARQUE DA RÚA DA EMIGRACIÓN

A pesar das condicións meteorolóxicas a nova corda tirolesa foi un éxito, así como a merenda gratuíta repartida entre os asistentes

O Concello celebrou na tarde de hoxe a inauguración do renovado parque da Rúa da Emigración, no cal se instalou unha nova corda tirolesa de 25 metros de lonxitude que os mozos e mozas xa puideron estrear.

“É un verdadeiro pracer que o evento tivera tan boa acollida a pesar de que o tempo non nos acompañara na tarde de hoxe; unha verdadeira alegría compartir esta xornada con tantos nenos e nenas ilusionados por coñecer as novas instalacións”, asegurou a alcaldesa, Marta Rouco.

Os nenos e nenas, ademais de estrear o renovado parque, puideron gozar dunha merenda composta por un bocadillo, froita e auga, grazas á colaboración da empresa lucense Vending Lucus.

Ademais da nova corda tirolesa, os asistentes tamén tiveron a oportunidade de comprobar o resultado da renovación dos elementos de xogo do parque e coñecer as novas zonas de descanso e a innovadora estrutura aberta e accesible para favorecer a integración do parque na contorna.

Pola súa banda, o concelleiro de Infraestruturas Urbanas, Luis Fernández, tamén amosou o seu “agradecemento a todas as familias e demais veciños que se achegaron a comprobar o resultado das obras”, á vez que asegurou que “dende o equipo de goberno estamos traballando en mellorar os espazos públicos da nosa infancia e mocidade, de forma que poidamos ofrecer diversidade e á vez calidade, grazas á instalación de novos e innovadores espazos de lecer”.

Finalmente, a alcaldesa, Marta Rouco, asegurou estar “especialmente satisfeita con esta actuación porque nos permitiu atender as peticións dos nenos e nenas, dotando ao noso casco urbano dunha zona de lecer que poderá empregar un rango de idade maior de rapaces e rapazas”.