O CONCELLO IMPULSA UN PROXECTO PARA A POSTA EN VALOR DO PASEO FLUVIAL E LITERARIO RÍO MADALENA E A RECUPERACIÓN DAS SENDAS VERDES DO MUNICIPIO

O Concello de Vilalba ten listo un proxecto para a posta en valor, mellora e sinalización do roteiro denominado ‘Paseo Fluvial e Literario-Río Magdalena’, así como para a recuperación da rede de sendeiros verdes do municipio e a realización dunha campaña de información e sensibilización sobre a Reserva da Biosfera Terras de Miño.

“O sendeirismo e as actividades na natureza supoñen unha opción cada vez máis elixida para o tempo de lecer, trátase ademais dunha alternativa de gran importancia para o desenvolvemento turístico e económico das zonas rurais”, explica Eduardo Vidal, concelleiro de Servizos de Vilalba.

As tres iniciativas teñen un orzamento conxunto de 94.581,27 euros e o Concello de Vilalba solicitou unha subvención á consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia vinculada aos fondos Next Generation da UE. O proxecto ten que estar validado polo órgano rector da Reserva da Biosfera, neste caso pola Deputación de Lugo, situación que xa se deu. Agora o concello agarda a resolución por parte da Xunta.

O roteiro fluvial discorre polo Río Madalena, forma parte da Rede Natura 2000 e está catalogado como Zona de Especial Protección dos Valores Naturais en Zona de Especial Conservación (ZEC). Un singular percorrido no que natureza e arte mestúranse, conxugando a paisaxe co ‘Paseo dos Soños’, un camiño literario composto por unha serie de hectómetros literarios dedicados a escritores e artistas ilustres da zona.

O itinerario está deseñado exclusivamente para facerse a pé e a súa dificultade é baixa, duns tres quilómetros de lonxitude desde o Muíño do Rañego ata a ponte dos Freires.

Ao longo do camiño crúzase o río varias veces por distintas pontes de madeira e atópanse numerosas construcións típicas das zonas fluviais da Reserva da Biosfera Terras do Miño, como presas e muíños.

“O que pretendemos é poñer en valor a ruta coa restauración dos servizos e o mobiliario, mellorando as infraestruturas e dotándoa dun equipamento específico para un uso público sostible por parte dos visitantes, que recibirán tamén información ambiental”, apunta Vidal. Este proxecto ten un orzamento de 31.689,90 euros.

Polo que respecta á recuperación e posta en valor dos camiños verdes, o concello rematou recentemente o seu inventario de camiños municipais. A partir dese documento, a idea é crear un entramado de 67 quilómetros de sendeiros verdes para potenciar actividades sostibles como sendeirismo, campo a través, rutas en bicicleta ou trail-running, realizando ao mesmo tempo un inventario de especies de flora e fauna, elementos arquitectónicos ou etnográficos para facer unha labor de divulgación do patrimonio natural co que contamos en Vilalba. Esta actuación ten un orzamento de 58.000 euros.

Por último, o concello quere activar un programa de concienciación, sensibilización e promoción da Reserva da Biosfera Terras do Miño, con xornadas, rutas guiadas e actividades nos centros educativos (orzamento de 4.900 euros).