Unha actuación cun orzamento de máis de 77.000 euros con cargo ao Plan Deputación 2024 que ratifica, de novo, o compromiso do goberno local co deporte e as instalacións deportivas
O Concello finalizará durante a presente semana as obras de renovación completa da pista do pavillón do CEIP Manuel Mato Vizoso, unha actuación cun orzamento de 77.420 euros con cargo á anualidade 2024 do Plan Deputación de Cooperación cos Concellos da Deputación Provincial de Lugo.
Así, o goberno local ratifica, de novo, o seu férreo compromiso co deporte e as instalacións deportivas, pois estas obras permitirán “que a partir do luns da vindeira semana a comunidade educativa poida empregar este pavillón nunhas mellores condicións e, á súa vez, que os clubes deportivos do municipio empreguen estas instalacións para desenvolver os seus adestramentos”, explicou a alcaldesa, Marta Rouco.
No referido ás actuacións, estas deron comezo co nivelado do pavimento existente, para posteriormente proceder á instalación dun novo pavimento deportivo para interiores de PVC homologado e finalmente realizar o marcado das liñas da pista de fútbol sala, baloncesto e tenis conforme ás normas federativas en vigor.
Ao que se sumou a substitución total da iluminación da pista do pavillón, “cambiáronse os 21 focos que había colocados cando deron comezo as obras por outros novos de tecnoloxía led que permitirán incrementar nun 45% o grao de iluminación e reducir á metade o consumo eléctrico”, sinalou o concelleiro de infraestruturas urbanas, Luis Fernández.
Finalmente, a rexedora, Marta Rouco, salientou “a importante inversión que se vén realizando nas instalacións deportivas do noso concello, pois a esta última súmanse outras de gran relevancia como as obras de reparación dos vestiarios do pavillón do CEIP Insua Bermúdez ou o acondicionamento dun almacén para ximnasio no Estadio Municipal da Madalena, entre outras”.