“Este procedemento permítenos solucionar un problema de persoal que se vén arrastrando dende fai tempo porque o Concello estivo moitos anos contratando persoal por obra e servizo e estaba en situación irregular”, afirmou a alcaldesa, Marta Rouco
O Concello vén de finalizar o proceso de consolidación de 13 prazas de traballadores municipais que ata o de agora prestaban servizos como persoal laboral de carácter temporal.
O pasado 31 de xaneiro, o Concello concluíu o proceso selectivo extraordinario derivado da oferta de emprego público do ano 2022, mediante o cal 13 empregados municipais obtiveron a súa praza como persoal laboral fixo.
Desta forma, “damos cumprimento á lexislación estatal de emprego público co obxectivo de reducir a temporalidade na administración”, explicou a alcaldesa, Marta Rouco, á vez que sinalou que “cumprimos cos dereitos de todos os traballadores que ao longo dun período moi extenso de tempo estiveron desenvolvendo o seu traballo para o Concello como persoal de obra e servizo”.
Nesa liña, “este procedemento permítenos solucionar un problema de persoal que se vén arrastrando dende fai tempo porque o Concello estivo moitos anos contratando persoal por obra e servizo e estaba en situación irregular”, afirmou a rexedora.
En concreto, as prazas consolidadas polo procedemento de concurso de méritos foron as de: psicóloga-educadora familiar, psicóloga, 2 traballadores sociais, administrativo adscrito á area de Servizos Sociais, limpador, asesor xurídico da muller, arquitecto superior, animador sociocultural, auxiliar administrativo adscrito á área de Urbanismo, monitor deportivo, auxiliar administrativo adscrito á área de Intervención, Tesourería e Recadación e administrativo adscrito á área de Urbanismo.
Así, “estas persoas teñen a súa praza de traballadores públicos en propiedade, coa estabilidade laboral que isto proporciona e, ao mesmo tempo, o Concello dispón dunha plantilla completa de persoal que en caso de incapacidade temporal ou xubilación pode ser substituído mediante o proceso selectivo que corresponda” afirmou a alcaldesa, Marta Rouco, quen adiantou que “nas vindeiras datas sairán as bases para novos procesos selectivos, neste caso polo procedemento de concurso-oposición”.