O servizo desta zona non garante as prazas, obriga a empregar unha tarxeta moedeiro e os menores viaxan sen supervisión
O Concello de Vilalba reclámalle á Xunta de Galicia a restitución das paradas do servizo de transporte escolar en Guntín, incluíndoas de novo no servizo ordinario e co seu funcionamento habitual. O goberno local mostra o seu apoio ás queixas de pais e nais dos CEIP Antonio Insua Bermúdez e CEIP Manuel Mato Vizoso ante un sistema de transporte non apto para menores e que ocasiona problemas ás familias de Vilalba.
Co comezo deste curso, a consellería de Educación cambiou o sistema da parada de Guntín, en Vilalba, pasando a dar servizo a esta zona un autobús que depende do departamento de Mobilidade da Xunta de Galicia. “A poucos días de comezar o curso, a Consellería informou aos pais e nais do alumnado que viña empregando esta parada de que dende agora usarían este servizo fóra do transporte escolar ordinario, e que os seus fillos deberían empregar a tarxeta moedeiro ‘Xente Nova’ para facer uso do autobús”, explica Antía Rama, concelleira de Educación.
Dunha banda, esta situación provoca unha discriminación entre o alumnado, xa que para ser usuario da tarxeta, cómpre ter DNI, que só é obrigatorio a partir dos 14 anos. Ademais, a tarxeta esixe ser maior de 4 anos, a pesar de que hai alumnos/as de 3 anos de idade que si teñen asignada dita parada anteriormente, ata os cambios forzados para este curso.
Doutra banda, os cativos/as vense na obriga de facerse cargo da tarxeta, coa posibilidade de perdela, rompela ou intercambiala, co conseguinte risco de perda dos cartos cos que se recarga, é dicir, un sistema nin apto nin pensado para nenos e nenas desa idade. Ademais, o prezo da viaxe é de 1’35 euros por traxecto, bonificables, un prezo que se incrementa se a viaxe é aboada en efectivo, sen bonificación.
Deste xeito, xa na primeira semana de curso déronse situacións de rapaces aos que non lles funcionaba a tarxeta e que por non ter cartos en efectivo tiveron que baixarse do autobús. Unha situación que podería afectar incluso a cativos/as de 4 ou 5 anos e “que non se pode tolerar”.
Ademais, malia que nun primeiro momento os colexios informaron do dereito a transporte con reserva de praza, as familias atópanse agora cun servizo que non garante a praza en todas as viaxes. O autobús recolle tamén a outras persoas usuarias, pero en ningún caso garante as prazas para os escolares, dándose situacións de incertidume sobre se os rapaces poderían volver neste servizo ao rematar as aulas.
A esta situación súmase que os escolares viaxan sen a supervisión dunha persoa adulta, unha circunstancia que nunca tivo o consentimento dos pais. Así, os pequenos estarían sen supervisión durante o traxecto así como durante os momentos de entrada e saída do vehículo, incrementando as posibilidades de que suceda un accidente. Ademais, isto tamén provoca que non se verifique quen recolle aos rapaces na parada.
Por último, este sistema non garante o cumprimento do protocolo COVID-19, xa que non rexistra os usuarios que fan uso del, polo que é inviable establecer a trazabilidade de posibles contaxios.
Para o goberno local, a Consellería pretende converter este servizo en ineficaz e inseguro para que sexan os propios pais e nais os que decidan deixar de usalo e deste modo, suprimir a parada. “Esta supresión estaría dada pola falta de calidade do servizo e non pola falta de demanda, poñendo impedimentos e obstáculos ás familias para non asumir e recoñecer a intención de seguir recortando servizos públicos”, engade Rama.
O Concello de Vilalba esíxelle á Xunta de Galicia a través dun escrito que restitúa esta parada para garantir o benestar e a seguridade dos menores no municipio. O goberno local engade ademais que é pertinente que os escolares estean supervisados durante o servizo de transporte escolar e que non sexan os menores os responsables de aboar as viaxes.