Na semana que se celebra o Día Internacional da Muller, o Concello de Vilalba distribuíu nos colexios e institutos o libre "En Vilalba sementamos igualdade", folletos informativos sobre a exposición "Mulleres senlleiras na historia de Vilalba" e o Plan de Igualdade do que participaron.
O Concello de Vilalba vén de facer entrega entre os colexios e institutos da localidade de distintas publicacións en materia de igualdade, co obxectivo de contribuír a que profesorado e alumnado traballen os contidos nas aulas.
Debido á situación sanitaria e a dificultade de levar a cabo accións presenciais nos distintos centros, desde a área de Igualdade e o CIM decidiron facer outro tipo de propostas, como a entrega dun manual de boas prácticas baixo o título de “En Vilalba sementamos igualdade”. Nesta publicación recóllense conceptos como igualdade real e formal, igualdade na familia, na escola, nas institucións e nos medios, no traballo, así como unha pequena guía para conseguir unha comunicación e unha linguaxe non sexista. Ademais, tamén se introduce nos principais mitos do amor romántico, na masculinidade non hexemónica e por suposto, nas violencias machistas. Esta campaña de divulgación e formación está financiada con fondos do Pacto de Estado contra a Violencia da Xénero.
Ademais, distribuíronse folletos informativos sobre a mostra inaugurada esta semana co título “Mulleres senlleiras na historia de Vilalba”, para dar coñecemento tamén na educación de mulleres destacadas e do papel daqueloutras ao longo da historia da localidade.
Finalmente, tamén se entregaron os Plans de Igualdade nos que participou a comunidade educativa, co fin de que teñan coñecemento do resultado final e dos compromisos que adquire o concello nestes catro anos.
Podes consultalo aquí