O CONCELLO E O CLUB CICLISTA TERRA CHÁ PRESENTAN A OITAVA EDICIÓN DA RUTA BTT TERRA CHÁ DO QUEIXO SAN SIMÓN

O acto tamén contou coa presencia dos representantes doutras institucións colaboradoras como a Deputación de Lugo, o Concello de Xermade e o Concello de Muras

A casa da cultura de Vilalba acolleu na mañá deste xoves a presentación da oitava edición da Ruta BTT Terra Chá do Queixo San Simón organizada polo Club Ciclista Terra Chá en colaboración co Concello de Vilalba, a Deputación de Lugo, o Concello de Xermade e o Concello de Muras.

O acto contou coa presenza da alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, o alcalde de Muras, Manuel Requeijo, a concelleira do Concello de Xermade, Nélida Coira, a deputada provincial, Marisol Morandeira e o presidente do Club Ciclista Terra Chá, José Carreira, quen explicou que nesta edición a ruta contará cun trazado novo ao 90% que sairá ás 11 da mañá da Praza da Constitución o vindeiro sábado 6 de abril, coincidindo coa celebración da Festa do Queixo San Simón.

O itinerario da marcha cicloturista de carácter non competitivo discorrerá integramente por Vilalba e pasará por diferentes puntos entre os que se atopan a parroquia de Lanzós, a Serra da Carba, a parroquia de San Simón da Costa, Monseivane, o Camiño Norte de Santiago e a parroquia de Goiriz, entre outros.

Ademais, nesta edición a ruta BTT tamén contará con tres niveis de dificultade en función da distancia a percorrer e o desnivel, así como múltiples avituallamientos, un punto de lavado de bicicletas, duchas para os participantes e pinchos ao remate da proba. Finalmente, a entrega de premios farase ás 19.30 horas e os participantes que o desexen poderán sumarse a unha cea que a organización celebrará no restaurante Montero.

Con esta cita deportiva, o Concello de Vilalba suma á Festa do Queixo San Simón unha cita deportiva que fará da vila un importante atractivo turístico e lúdico durante a fin de semana do 6 e 7 de abril. Precisamente nesa liña a rexedora vilalbesa, Marta Rouco, sinalou “a importancia de dinamizar o noso concello e traballar para que a nosa cultura, as nosas tradicións, a nosa gastronomía e tamén os nosos deportistas resoen con forza fóra das nosas fronteiras”.

Ademais, a alcaldesa aproveitou a ocasión para “felicitar á organización da Ruta BTT do Queixo San Simón polo seu traballo, o seu esforzo e a súa dedicación en deseñar para esta oitava edición un itinerario practicamente inédito e atraer a deportistas da contorna ata a nosa localidade”.

Así mesmo, Rouco amosou o seu agradecemento “ao Club Ciclista Terra Chá por apostar polo noso municipio e o noso patrimonio paisaxístico”, desexándolle o maior dos éxitos ao club chairego nesta e nas vindeiras citas deportivas que organice.