O CONCELLO E A DEPUTACIÓN DE LUGO ANUNCIAN UN ACORDO PARA MELLORAR A CASA DA CULTURA CUN INVESTIMENTO DE 133.000 EUROS

As obras centraranse na reparación da cuberta do edificio para solventar as recorrentes filtracións de auga “que veñen arrastrándose dende fai moitos anos”

Na mañá de hoxe o presidente da Deputación, José Tomé, visitou a nosa casa da cultura acompañado pola alcaldesa, Marta Rouco, e os concelleiros Eduardo Vidal, Paula Vigo, Luis Fernández e Ignacio Criado.

Durante a visita, na que tamén estivo o arquitecto municipal, José Tomé puido comprobar o estado do interior do edificio, notablemente deteriorado polas recorrentes filtracións de auga debido ás deficiencias da cuberta.

Nesa liña, a administración provincial prevé asumir preto do 80% do investimento, recaendo no Concello o 20% restante para “solucionar dunha vez por todas os problemas de auga na Casa da Cultura, que veñen arrastrándose dende fai moitos anos”, sinalou a alcaldesa, Marta Rouco.

Así mesmo, a alcaldesa agradeceu a colaboración e o compromiso da Deputación e explicou que “é unha obra moi necesaria, pois trátase dun edificio que acolle moitos servizos: a hemeroteca, a oficina de turismo, un salón de actos, unha sala de exposicións e mesmo serve como sede dalgunha asociación local”.

O edificio, construído en 1986 sobre unha antiga cárcere, ten unha superficie de 777m2 e acusa a falta de mantemento, con diferentes danos por filtracións de auga en lucernarios e cubertas. As actuacións previstas no proxecto de mellora son: a instalación dunha nova cuberta de zinc, substitución de baixantes, canlóns e os lucernarios existentes de policarbonato por uns de vidro. Tamén se mellorará parte do alumeado e do saneamento, actuacións na recollida de lixo e os acabados cun illamento térmico baixo cuberta.