O Concello de Vilalba solicitou unha subvención ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, a través do Programa de impulso á rehabilitación de edificios públicos para as entidades locais (PIREP local), para levar a cabo as obras de rehabilitación integral da casa consistorial.
Con esta axuda, que o goberno só destina a edificios públicos municipais, Vilalba quere que o concello sexa un edificio accesible e funcional para os veciños, eficiente desde un punto de vista enerxético e actualizado. O custo das obras ronda o millón de euros máis IVE.
“Eliximos a casa do concello porque é a que cumpre todos os requisitos e parámetros esixidos, están primando nestas axudas os edificios municipais que prestan servizo a cidadanía e demandan unha serie de condicionantes no exterior e no interior que outros inmobles de Vilalba non teñen”, explica Luis Fernández, concelleiro de Infraestruturas.
Trátase dun inmoble de máis de 3.000 m2 con máis de 40 anos de servizo que necesita unha renovación. Ante esta situación, o concello elaborou un proxecto que propón unha actuación integral que transforme o edificio cara a un consumo enerxético case nulo, habilitándoo ademais como un espazo moderno e con plena accesibilidade física, sensorial e cognitiva.
“Dispoñeremos unha fachada trasventilada en composite de aluminio e porcelánico extrusionado. Ademais, terá unha envolvente na cuberta con zinc e paneis solares fotovoltaicos no faldón sur, acompañados de baterías para garantir a subministración en horas sen produción, a fin de cubrir o 100% da demanda de electricidade, a cal diminuirá notablemente pola substitución das luminarias por sistemas LED de baixo consumo”, apunta Fernández.
Crearase un percorrido interior, a través das zonas comúns, guiado por un sistema ‘Wayfinding’ de cores para mellorar a accesibilidade cognitiva, integrando asentos, almacenaxe e servizos, reforzando ademais a barreira acústica que protexe do ruído ás oficinas. Os baños de cada planta adaptaranse para a mobilidade reducida, dotarase de maior iluminación natural aos espazos baixocubierta e faranse reaxustes puntuais de distribución.
Máis aló da redución esixida de emisións, búscase minimizar ao máximo a demanda enerxética, seguindo o establecido no Plan Estratéxico PACES. Á súa vez prepararase o inmoble para as próximas décadas, repensando a relación cos usuarios, creando un gran sistema de distribución/servizo, que integre sinalización desde o acceso ao momento de atención, espazos de espera, servizos, almacenaxe e recollida de residuos específicos.
Moitas destas accións previstas na actuación derivan da información recollida no proceso participativo desenvolvido para esta proposta, que integrou a representantes de asociacións, traballadores de equipamentos e membros das Anpas.
Neste proceso valorouse a accesibilidade do edificio entre 6 e 7 sobre 10, pero considerouse moi inaccesible para alguén con necesidades especiais, colocando aos maiores como principais usuarios potenciais. En termos xerais clasificouse ao edificio como carente de servizos e desactualizado.
“Trátase por tanto dun proceso participativo e inclusivo xa iniciado, e que acompañará ao proxecto durante as súas fases de redacción e execución, garantindo así a integración das medidas propostas e a mellora das condicións de uso para todos os sectores sociais”, engade Fernández.