O Concello de Vilalba anuncia que o traballo de Cristobal Aguiló Domínguez resultou gañador do concurso de deseño do cartel para as festas de San Ramón e Santa María 2022.
O xurado, presidido pola alcaldesa de Vilalba, Elba Veleiro, puntuou a calidade artística e técnica, a pertinencia co tema e a relación coas festas, a creatividade, a orixinalidade, así como as cores e a tipografía empregadas.
Ademais, contouse con tres expertos para formar parte do xurado: Carmen Cabaneiro, artista multidisciplinar e docente de Filosofía; Pablo Lage Sanjurjo, grafiteiro, muralista e deseñador, e Jose Luis Carrasco Manso, artista e docente de arte e deseño.
Dende o Concello de Vilalba destacan a ampla participación no certame, con 28 propostas presentadas. Deste modo, o goberno local felicita ao gañador e traslada o seu agradecemento a todas as persoas que deseñaron un cartel para a ocasión.
Alén de ser o cartel oficial das Festas de San Ramón e Santa María 2022, a proposta gañadora recibirá un premio de 1.000 euros.