O CONCELLO DE VILALBA REVISA E RENOVA NOS EDIFICIOS PÚBLICOS E CENTROS DE ENSINO OS SISTEMAS DE PROTECCIÓN CONTRA OS RAIOS OCASIONADOS POLAS TORMENTAS

O Concello de Vilalba vén de revisar os sistemas de pararraios dos edificios públicos e os centros de ensino do municipio, renovando algúns dos equipos.

“Con esta actuación, o concello adáptase á normativa UNE, que non é de obrigado cumprimento pero si recomendada polos Comités Técnicos de Transporte e Enerxía Eléctrica, co obxectivo de aumentar a sensibilidade na protección frente á acción dos raios ocasionados polas tormentas”, afirma Eduardo Vidal, concelleiro de Réxime Interno, Seguridade cidadá e Servizos.

Foron revisadas xa as instalacións dos correspondentes pararraios nas seguintes localizacións: casa do Concello; pavillón deportivo; CEIP Ínsua Bermúdez; CEIP Mato Vizoso; CEIP Terra Chá de Román; Escola Infantil; gardería municipal; CEIP Monseivane de Lanzós, e auditorio municipal.

Con estas actuacións conséguese, ademáis de ter un diagnóstico certeiro do estado dos pararraios, actualizar os elementos de protección contra os raios das tormentas que levaban xa demasiado tempo sen revisar.

Non só se consegue dar una maior seguridade aos propios edificios, se non tamén dar seguridade e protección á contorna inmediata, pois o radio de acción dos raios é superior aos 50 metros.