O CONCELLO DE VILALBA RENOVARÁ DOUS VIAIS PARA MELLORAR O TRÁFICO E A SEGURIDADE NAS PARROQUIAS DE NETE, INSUA E A TORRE

O Concello de Vilalba procederá á renovación de dúas vías de titularidade municipal que dan acceso a parcelas agrícolas nas parroquias de Nete, Insua e A Torre, mediante a limpeza de noiros, a rexeneración da capa de rodadura e a colocación de sinais verticais.

“O investimento superará os 81.000 euros e damos resposta ás demandas veciñais, xa que son tramos moi utilizados e deteriorados nos que era necesario actuar”, explica Luis Fernández, concelleiro de Infraestruturas de Vilalba.

En Nete, as obras serán no vial que parte dende a estrada autonómica LU-541 (P.K. 12+430) e atravesa os núcleos de O Caxigal e O Raño, ata rematar na estrada municipal 065_012, preto do núcleo de Doade. Ten un percorrido de 2.610 metros.

Haberá tamén traballos no camiño que parte dende a estrada provincial LU-P-6506 (P.K. 1+160) e discorre en dirección norte atravesando o núcleo de Santalla ata rematar no núcleo de Marcelle, na estrada municipal 065_407. Ten un percorrido de 1.680 metros.

Trátase dun vial cunha densidade de tráfico notable debido ó intenso uso que fan do mesmo os veciños destas parroquias e outras próximas. Comunica cunha estrada de maior entidade como é a LU-P-6506 e da acceso á igrexa parroquial de Insua. Ademais, ten continuidade na parroquia de A Torre ata rematar na estrada estatal N-634 xunto á igrexa parroquial de A Torre.