O CONCELLO DE VILALBA PRESENTA XUNTO AO CONSELLO REGULADOR O PROGRAMA DA XXVII FESTA DO QUEIXO SAN SIMÓN DA COSTA DOS DÍAS 1 E 2 DE ABRIL

A Casa da Cultura de Vilalba acolleu esta mañá a presentación da XXVII Feira do Queixo de San Simón da Costa, que se celebrará os días 1 e 2 de abril. O Consello Regulador, co apoio do Concello e de Caixa Rural Galega, organizan un ano máis unha das citas referente no calendario de feiras de Galicia.

O acto contou coa presenza da alcaldesa de Vilalba, Elba Veleiro, da concelleira de Feiras e Mercados, Antía Rama, xunto ao produtor e presidente da Denominación de Orixe protexida San Simón da Costa, Daniel Pérez, e a Martín Paz, director de Caixa Rural.

Elba Veleiro foi a primeira en subliñar que o Queixo de San Simón “é un dos produtos excelsos cos que contamos no Concello de Vilalba” e insistiu na responsabilidade da administración local á hora de “apoiar todas as iniciativas que favorezan a difusión deste produto para que chegue aínda máis aló e sega a ter unha implantación a nivel internacional”.

Pola súa banda, Antía Rama recordou que a 27.ª edición será especial “porque por fin é a Feira da normalidade absoluta despois de poder retomala xa o ano pasado con tanto éxito de afluencia”. A concelleira apuntou algunhas das propostas do Concello que recolle o programa da feira como o sorteo de catro lotes de produtos entre os compradores ou o concerto de Sés o sábado ás 21:30 horas. Antía Rama recordou tamén que tanto no stand do Concello como nas queixerías se poderá recoller o libro coas receitas do concurso de cociña celebrado o pasado ano.

“Animamos a todos a vir, a participar e a gozar de toda a feira no seu esplendor, tanto dos obradoiros, como das tapas, o pregón e coas casetas de diferentes produtos”, pechou a súa intervención.

O presidente da Denominación de Orixe protexida San Simón da Costa, Daniel Pérez, repasou un programa de actos que o sábado ofrece un showcooking de Iván Mariño, un taller infantil de elaboración de queixos así como o pregón a cargo de María Barro a partir das 19:00 horas. O domingo se instalará un foodtruck con degustación de tapas gratuítas así como unha sesión vermut con Eventec Discomóvil.

Martín Paz, pola súa banda, insistiu no compromiso de Caixa Rural para “apoiar e patrocinar estes ventos e ao sector agroindustrial, que é o que tira pola nosa economía e pon en valor o rural”.