O CONCELLO DE VILALBA PREMIA AS MELLORES DECORACIÓNS DE NADAL NAS VIVENDAS

O certame valoraba a decoración de Nadal nas fachadas, xardíns, balcóns e fiestras das vivendas tanto do casco urbano como nas zonas rurais de Vilalba

O Concello de Vilalba entregou esta tarde, na Casa da Cultura, os premios do concurso de decoración de casas, fachadas e balcóns de Nadal, organizado pola concellería de Infancia e Mocidade, Feiras e Mercados.

O certame valoraba a decoración de Nadal nas fachadas, xardíns, balcóns e fiestras das vivendas tanto do casco urbano como nas zonas rurais de Vilalba. Deste modo, buscábase embelecer o municipio contribuíndo a crear o ambiente do Nadal.

O xurado concedeu a máxima puntuación a Laura Varela, recollendo o primeiro premio de 200 euros. En segundo lugar, a mellor decoración de vivendas foi a presentada por Ana Goiriz, quen recibiu un premio de 150 euros. Por último, a terceira mellor decoración presentouna Paula Seoane, premiada con 100 euros.

Doutra banda, a opinión do xurado coincide coa vivenda que máis votos obtivo nas redes sociais. Deste modo, a decoración da gañadora Laura Varela foi tamén a que máis “me gustas” obtivo nas redes sociais, recollendo un premio vlaorado en 50 euros.

O xurado, presidido pola concelleira Marta Rouco, estivo formado por Mª Sonia García, técnica de Cultura; Mª Ángeles Rivas, da Asociación de Veciños de San Cosme de Nete; María Neli Alvariño, da Asociación Cultural e Deportiva de Árbol; María Roca, xornalista de “El Progreso”; e Ana Belén García, de Ofimay Eventos.

Deste modo, os membros do xurado valoraron as 31 vivendas presentadas ao concurso en función da orixinalidade e complexidade, a artesanía, o deseño, a decoración con material reciclado e a iluminación.