O Concello de Vilalba pon en marcha puntos WiFi gratuítos en espazos públicos

A conexión a internet en aberto poderase desfrutar nas prazas da Constitución, Santa María, Alameda Basanta Olano, Conservatorio, Auditorio, Área Recreativa da Madalena e zonas limítrofes
Esta medida únese ao proxecto xa iniciado de incrementar a cobertura móbil e internet nas zonas de sombra que existen nas parroquias
 
Vilalba, 5 de xuño de 2020
O Concello de Vilalba vén de anunciar a posta en marcha de puntos WiFi gratuitos situados en distintos espazos públicos da localidade, co financiamento de 15.000 euros da Comisión Europea tras desbloquear o actual goberno o expediente paralizado e poñer en funcionamento este servizo.
Con esta xestión, o Concello consegue incrementar as zonas de cobertura WiFi de alta velocidade en distintos espazos públicos nos que a partir de agora xa se pode desfrutar dunha conexión segura: praza da Constitución, Alameda Basanta Olano e zonas limítrofes, praza de Santa María, praza do Auditorio e zonas adxacentes, Área Recreativa da Madalena, Conservatorio de Música e a totalidade dos locais do Edificio Multiusos do Auditorio Municipal, “ademais de dotar de conexión ao propio edificio do Concello, posto que parten de edificios públicos municipais”, comenta o tenente de alcalde, Rodrigo Pavón.
Neste senso, o obxectivo da iniciativa WiFi4EU é proporcionar ás persoas residentes e visitantes de toda a UE un acceso á rede de alta velocidade a través de puntos de acceso gratuítos ubicados en parques, prazas, edificios administrativos, etc.
Ademais, esta medida “únese ao proxecto xa iniciado de incrementar a cobertura móbil e internet nas zonas de sombra que existen nas parroquias do noso Concello”, segundo subliñou Pavón, co fin de “dotar de servizos, neste caso de acceso dixital á información dispoñible na rede, ao maior número de veciños e veciñas”.