O Concello de Vilalba puxo en marcha uns obradoiros de prevención universal para familias, uns espazos abertos de escoita e aprendizaxe dirixidos principalmente a pais e nais.
Este mércores, 25 maio, celebrouse o primeiro, ‘Que facemos co que sentimos? Competencias socioemocionais para familias’, no que se trataron os elementos da comunicación na familia; as habilidades socioemocionais: escoita, asertividade e empatía; o acompañamento e regulación das emocións dos fillos/as: realidades e ferramentas, e a saúde emocional: necesidades e retos.
O próximo obradoiro será o mércores 1 de xuño, de 19:00 a 20:30 horas na Casa da Cultura de Vilalba, baixo o título ‘Que facemos co uso das pantallas? Acompañamento no uso das Trics’. Falarase do compañamento emocional no uso das novas tecnoloxías; de identidade e seguridade dixital; un uso saudable e potencialidades das TRIC (Tecnoloxías da Relación, a Información e a Comunicación), e de igualdade e bo trato na vida offline e online.
O mércores 8 de xuño, de 19:00 a 20:30 horas na Casa da Cultura de Vilalba, falarase de ‘Que facemos coa igualdade? Ferramentas para educar na igualdade e o bo trato’. Nesta ocasión abordarase a coeducación e feminismo na crianza; a construción do bo trato nas relacións da vida offline e na online; as ferramentas para acompañar aos fillos/as con perspectiva de xénero, e a prevención das violencias machistas.