O CONCELLO DE VILALBA ORGANIZA A SEGUNDA EDICIÓN DO CONCURSO DE DECORACIÓN DE CASAS, FACHADAS E BALCÓNS DE NADAL

O Concello de Vilalba convoca unha nova edición do concurso de decoración de casas, fachadas e balcóns de Nadal.

“A finalidade desta iniciativa é promover e contribuír a crear un ambiente festivo nas rúas durante a época de Nadal. A gran resposta da vila e dos veciños e veciñas na primeira edición do ano pasada animounos a repetir a experiencia”, subliña Antía Rama, concelleira de Educación, Infancia e Mocidade, Feiras e Mercados.

A participación no concurso é aberta a todas as vivendas tanto do casco urbano como do rural, pero só poden inscribirse persoas maiores de idade e empadroadas no concello cunha temática para desenvolver alegórica e propia do ambiente das Festas do Nadal.

Establécense tres categorías: Casas na decoración exterior; Pisos e edificios que inclúe a decoración de fiestras, balcóns e portas de exterior (a votación nos dous casos corresponderá ao xurado); e a categoría de decoración interior, tanto de casas como para pisos ou edificios, que será votada a través do Facebook.

No caso da primeira categoría o primeiro clasificado terá un premio de 200 euros, o segundo de 150 e o terceiro de 100 euros, mentres que no caso dos pisos e edificios os galardóns oscilan entre os 150 e os 50 euros. Para os gañadores na decoración interior establécese un único agasallo de 75 euros por ser o máis votado en Facebook con máis ‘me gustas’ ou ‘encántame’ ata o 6 de xaneiro de 2023 ás 23:59 horas. Trátase dun premio non acumulable aos anteriores.

A inscrición comeza hoxe ata o 18 de decembro de a través da sede electrónica do concello (https://vilalba.sedelectronica.es/) cubrindo a instancia xeral e achegando o anexo de inscrición e documentación complementaria, ou ben presencialmente por rexistro, en horario de 9:00 a 14:00 horas. A folla de inscrición estará dispoñible na web do concello (www.vilalba.gal) e na oficina de cultura.

As decoracións deben estar visibles dende a rúa, e completamente instaladas dende o 21 de decembro ao 6 de xaneiro de 2023.

A valoración, con puntuación entre 0 e 5 puntos, responderá a criterios de orixinalidade e complexidade, artesanía, deseño, decoración con material reciclado e iluminación.