O CONCELLO DE VILALBA, O INSTITUTO DE ESTUDOS CHAIREGOS E EDICIÓNS XERAIS CONVOCAN O VI PREMIO AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ DE NARRATIVA INFANTIL E XUVENIL POLA IGUALDADE

O Instituto de Estudos Chairegos, o Concello de Vilalba e Edicións Xerais de Galicia, convocan o VI Premio Agustín Fernández Paz de narrativa infantil e xuvenil pola igualdade.

O certame acolle narracións inéditas en lingua galega, dirixidas ao público infantil e xuvenil, cunha temática vencellada ao compromiso pola igualdade de xénero, raza, nacionalidade… O prazo de recepción das obras xa está aberto e finalizará o próximo 12 de xullo de 2022, sexto cabodano de Agustín Fernández Paz.

O xurado comunicará a obra gañadora no mes de outubro de 2022. A obra premiada recibirá 3.000 euros e a posibilidade de ser editada por Edicións Xerais de Galicia.

Con este certame, as tres entidades organizadoras buscan render unha homenaxe á traxectoria literaria do vilalbés Agustín Fernández Paz así como ao seu compromiso coa mocidade. Ademais, búscase promover a creación literaria, concretamente, das obras dirixidas á infancia, que fomentan o contacto entre os máis pequenos/as e a literatura.

Nas bases de participación deste certame recóllense os detalles e as normas.