O CONCELLO DE VILALBA INFORMA DOS TRÁMITES E DA NORMATIVA PARA REALIZAR UNHA FOGUEIRA NA NOITE DE SAN XOÁN

O Concello de Vilaba informa á cidadanía interesada en realizar unha fogueira na noite de San Xoán, do 23 ao 24 de xuño, que debe comunicalo á administración municipal e cumprir cunha serie de normas.

A intención de realizar a fogueira deberá realizarse mediante unha comunicación responsable a través da Sede Electrónica do Concello de Vilalba dispoñible dende hoxe, 15 de xuño. Tamén se poderá presentar presencialmente no rexistro xeral do concello a partir do luns 20 de xuño. O prazo máximo será durante a mañá do propio 23 de xuño.

Esta comunicación responsable compromete a cumprir unha serie de normas. Deste modo, as persoas solicitantes da fogueira serán os responsables dos posibles danos, ademais os restos deixaranse recollidos. A fogueira deberá distar das vivendas, vehículos e instalacións, tendidos eléctricos ou telefónicos e zonas vexetais susceptibles de ser queimadas o suficiente para non causar danos.

Ademais, as fogueiras non poderán medir máis de 3 metros de alto e 4 de diámetro. Na queima non se poderán empregar residuos perigosos ou tóxicos.

No caso de realizar a fogueira sobre terreos públicos asfaltados, lousados ou pintados, deberá protexerse o pavimento cunha capa de area en toda a superficie da fogueira.

Deberá dispoñerse no lugar dun sistema de extinción de incendios axeitados á proporción da fogueira. A fogueira deberá estar vixiada polos solicitantes ata a súa total extinción que deberá ser asegurada empapando os restos con auga. No caso de levantarse vento que dificulte a vixilancia e extinción da fogueira, esta deberá suspenderse ou apagarse.

Recoméndase aos responsables que as fogueiras que se soliciten para espazos públicos teñan un seguro de responsabilidade civil.