O Concello de Vilalba informa do comezo das tarefas de desbroce nas vías de titularidade municipal. Os operarios traballarán xa esta semana na parroquia de Árbol e continuarán despois polo resto do concello.
Para realizar os traballos, o concello adxudicou recentemente mediante un procedimento armonizado o contrato do servizo desbroce das vías de titularidade municipal. Dita adxudicación axústase ao estipulado na Lei 9/2017 de 8 de novembro de contratos do sector público.
“Nunha primeira fase, realizarase nas vías principais. Consistirá no desbroce de calzadas, taúdes e terrapléns nunha anchura mínima dun metro. O desbroce será mecánico mediante tractor con brazo, sen utilizar ningún tipo de productos químicos”, explica Eduardo Vidal, concelleiro de Servizos no pasado mandato municipal.
Estos traballos preventivos, ademáis de aumentar a seguridade viaria dos vehículos, rebaixan a carga de combustible vexetal, co que se diminúe o risco de propagación de incendios forestais e consecuentemente minimízanse os danos causados por este tipo de sinistros.
A primeira fase será executada ao longo de 500 quilómetros nas principais vías de comunicación do concello. No outono, haberá unha segunda fase na que se desbrozarán ata un máximo de 900 quilómetros, na que xa a anchura de desbroce será de 2.5 metros a partir dos bordes das calzadas. Tanto nunha fase como na outra, deberase de asegurar un gálibo de 5 metros en todo o ancho da vía.
Con este tipo de contratos, o Concello de Vilalba asegura por un máximo de 5 anos o mantemento regrado no que respecta ao desbroce das vías de titularidade municipal, apostando por prácticas respectuosas coa conservación do medio ambiente natural.