O CONCELLO DE VILALBA INFORMA DE QUE SE ABRIRÁ A RÚA DA PRAVIA AO TRÁFICO NUN ÚNICO SENTIDO DE CIRCULACIÓN POR MOTIVOS DE SEGURIDADE

Non se reducirán prazas de aparcamento nin se fará unha peonalización permanente da rúa

O Concello de Vilalba vén de anunciar que xa se iniciaron as actuacións provisionais para abrir de novo a rúa da Pravia ao tráfico. O derrubamento dunha das vivendas desta rúa obrigou ao peche da mesma, e agora realizaranse as actuacións pertinentes para garantir a seguridade de viandantes, vehículos e veciñanza.

Desde o goberno local afirman que están á espera dos últimos informes técnicos e periciais dos axentes que interviron no incendio, que están a determinar as actuacións inmediatas para previr riscos e garantir a seguridade e o suministro.

Froito desta situación, o Concello establecerá unha única dirección para a rúa da Pravia, “seguindo criterios técnicos de actuación urxentes, sen restrinxir prazas de aparcamento nin peonalizar a rúa”. Así se explicou desde o goberno local esta mañá á veciñanza afectada nunha reunión celebrada na Casa da Cultura, e na que se tratou de aclarar dúbidas e sinalar a urxencia das actuacións e a proxección futura destas decisións.

Tal e como se avanzou en datas anteriores, o Concello de Vilalba está a realizar un estudo para a elaboración e implementación dun Plan de Mobilidade, para o que se contou coa opinión cidadá a través de enquisas. Dito estudo contemplaba a unidireccionalidade da rúa da Pravia, baseada en criterios de mellora tanto para a densidade do tráfico como para o benestar de peóns, hostelería e comercios. “Apostamos desde o primeiro momento pola humanización dos espazos, por configurar unha vila máis amable e moderna, posto que un dos principais reclamos das enquisas realizadas foi o da accesibilidade”, aseguran. Para tranquilidade da veciñanza, fan fincapé en que “non se reducirán prazas de aparcamento nin a curto nin a longo prazo, nin se peonalizará esa rúa”, senón que “foi un proxecto que se adiantou pola sucesión de acontecementos, e que en todo caso se estudará máis adiante coas persoas afectadas para buscar alternativas a algunha problemática puntual dos negocios”.

Tanto as actuacións de urxencia como o plan a longo prazo, para o que será preciso un proxecto de obra, iranse informando por todos os medios a medida que se vaia avanzando.