O Concello de Vilalba informa do procedemento de inscrición ás escolas deportivas municipais para este curso 2022-2023, que comezará o luns 5 de setembro. Os horarios das actividades xa foran previamente adiantados, co obxectivo de que as familias tivesen tempo de organizar o vindeiro curso.
O prazo abrirase o próximo luns 5 de setembro e pecharase o mércores 14 do mesmo mes. A inscrición ás actividades pode tramitarse en liña, na sede electrónica https://vilalba.sedelectronica.es ou en Sporttia https://app.sporttia.com/scs/1528/profile Tamén se poderá tramitar presencialmente no rexistro do concello en horario de 9.00 a 14.00.
Recórdase que este ano se ofertará por primeira vez a actividade de rugby, ampliando así os deportes propostos. Ademais, a oferta para o próximo curso incluirá actividades rítmicas, ioga, baloncesto, fútbol, fútbol sala, judo, loita olímpica, tenis, tenis de mesa, tríatlon ou ximnasia rítmica. Tamén haberá grupos de pilates, patinaxe, baile e iniciación deportiva.
Propóñense grupos para toda a rapazada, dende os 3 anos de idade, con diferentes quendas en función do ano de nacemento. Ademais, como novidade respecto dos horarios anunciados, este ano ofrecerase a actividade de ximnasia de mantemento para maiores, dirixida a persoas nadas en 1972 ou antes.
Ademais, publícanse as bases que rexerán o procedemento de matrícula e o funcionamento dos cursos. Entre outros detalles, indícanse as taxas a aboar, as normas durante as actividades así como os criterios de selección nas inscricións.