O Concello estuda a creación dun espazo de participación para a mocidade e a infancia, unha canle directa para a implicación da veciñanza máis nova nos asuntos da localidade
O Concello de Vilalba está a estudar a creación dun espazo de participación para a mocidade e a infancia, unha canle directa para a implicación da veciñanza máis nova nos asuntos da localidade.
O Consello Municipal da Participación Moza e Infantil nacería como un órgano consultivo para articular e canalizar a participación de nenas, nenos e mocidade, facilitando un espazo para a proposición de ideas, o debate e a posta en práctica da cidadanía activa.
O goberno local valora positivamente a creación deste foro de participación que estaría integrado por representantes elixidos desde os propios centros educativos para actuar como interlocutores e interlocutoras ante unha institución pública como o concello. Deste xeito, tamén se fomentaría o acordo e o consenso entre os grupos, así como a autonomía e a toma de decisións.
“Sempre escoitamos as aportacións que se nos fan, tamén as críticas construtivas, pero debemos facilitar a implicación dos máis novos e novas, que comecen a responsabilizarse da vida en comunidade e a organizarse, porque son o futuro”.
Neste senso, desde o concello están a artellar fórmulas para nutrir a vida municipal de distintas perspectivas para que “aprendamos a poñer ao servizo da nosa sociedade o potencial individual e colectivo, para establecer un diálogo directo e tamén para comprender o funcionamento da vida municipal”.