O CONCELLO DE VILALBA ENTREGA A MALETA VIAXEIRA CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO AO IES SANTIAGO BASANTA SILVA

A iniciativa, promovida pola Unidade de Violencia de Xénero da Subdelegación do Goberno, acolle diversos exemplares en materia de igualdade de xénero e empoderamento feminino

O Concello de Vilalba fixo entrega da Maleta Viaxeira contra a Violencia de Xénero (MAVI) ao Instituto de Educación Secundaria da vila, o IES Santiago Basanta Silva, que disporá dela durante as vindeiras semanas para promover na mocidade a concienciación coa igualdade de xénero e mudar condutas sexistas e patriarcais.

A iniciativa, promovida pola Unidade de Violencia de Xénero da Subdelegación do Goberno, recolle unha ducia de libros en materia de igualdade de xénero e empoderamento feminino á que terá acceso o alumnado e o equipo docente do IES Santiago Basanta Silva. Deste xeito, o centro educativo poderá reforzar o seu fondo literario e continuar traballando coa mocidade a prol dunha sociedade máis igualitaria e feminista.

Ademais, na MAVI tamén se inclúen outros materiais, como é o diario de viaxe, destinado á reflexión e que reserva un espazo para que os lectores e lectoras poidan compartir a súa experiencia de lectura e a opinión persoal ao respecto dos exemplares dispoñibles.

A alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, que fixo entrega da maleta viaxeira xunto á concelleira de Educación, Infancia e Xuventude, Paula Vigo, destacou o valor deste tipo de iniciativas “para traballar dende as idades máis temperás cuestións tan fundamentais como son a igualdade de xénero e a necesidade de abolir comportamentos machistas e discriminatorios”. Así mesmo, dende o centro educativo acolleron a proposta con gratitude, sendo as receptoras da entrega a directora, María Trillo, e a coordinadora da biblioteca, Sabela Figueira.

A rexedora vilalbesa quixo salientar tamén a importancia deste tipo de propostas e o compromiso do Concello de Vilalba coas mesmas, nas que “é indispensable a educación e o fomento da lectura”, sinalou Rouco, que ademais engadiu “favorecen un pensamento crítico e de adopción dunha actitude de repulsa ante a perpetuación dos estereotipos e roles de xénero”.

A Maleta Viaxeira contra a Violencia de Xénero permanecerá agora no IES Santiago Basanta Silva durante as vindeiras semanas, para logo desprazarse a outros centros educativos da vila e lugares de interese para promover que toda a veciñanza teña acceso aos contidos da maleta.